Un documental de Xarda e NósTv realizado por Elena Martín e Pablo Santiago
08/08/2020
Arrancamos a viaxe… desde Zamora
Na nosa primeira parada visitamos a vila de Castromil, que agora está separada en dúas, entre Galiza e Zamora. Nós estivemos na do lado zamorano, onde a xente fala e defende o galego. Encantounos escoitar historias a medio camiño entre o galego e o portugués. Despois, fomos tomar unha birra a Moimenta.
09/08/2020
Homenaxe antifascista en Portocamba
🚗 Durante a nosa viaxe pola raia tamén estivemos en Portocamba gravando un acto en homenaxe de Antonio Ribeiro, José María Sena e Ramiro Mateus, que traballaban na construción das vías do tren entre Zamora e Ourense, e foron asasinados en 1936 pola súa actividade sindical e por posicionarse contra o bando franquista. No acto, ademais de contar a súa historia, repuxeron unha placa na súa honra que fora destrozada tempo atrás.
10/08/2020
O contrabando nos pobos promiscuos
📍 En Vilarinho ía un calor horrible e comezamos a falar con dúas rapazas que nos contestaban en francés! Primeira sorpresa da viaxe. Despois comemos e estivemos con ex contrabandistas en Vilarelho e con Aurinda en Cambedo. Á noitiña, o Xico de Mandín invitounos tomar uns viños na súa bodega. Un día de moito traballo e moitas conversas.
Ver esta publicación en Instagram
11/08/2020
Das vilas da raia ao Couto Mixto
Xa o sabiamos… pero o do Couto Mixto é unha movida ben interesante. Animámosvos a ver o documental e a completalo con algunha lectura sobre o Tratado de Lindes de 1864. Ese día pasamos tamén por Tourém e rematamos durmindo en Pitoes.
12/08/2020
Pitões das Júnias
Chegamos moi pola noite e moito nos prestou a sopa de legumes. Pola mañá fomos á Taberna Terra Celta, un punto de encontro para persoas dos dous lados da raia. Se non tes plans, vai facerlles unha visita, teñen concertos e un sitio moi acolledor. Alí estivemos tamén con Teresa do Raposo, unha muller xenerosa e traballadora.
13/08/2020
Arraianos en Entrimo
“Cando na escola deseñábamos mapas e sacabamos a Portugal da Península Ibérica, a sensación que ficaba é que quedara algo fóra”. Manuela Ribeiro foi nomeada arraiana maior por contribuir a difundir a realidade da raia. Tamén estivemos con Xurxo Souto, que nos guiou na seguinte parada da viaxe.
Realmente, esta foi a nosa primeira parada, o sábado anterior. Ese día, malia que non se pode ver no documental, tamén estivemos gravando na aldea de Aceredo. En 1992 executouse un acordo entre Franco e Salazar que expulsou á xente de Aceredo, Buscalque, O Bao, A Reloeira e Lantemil. Recomendamos que vexades o documental ‘Os días afogados’.
14/08/2020
Olelas, unha marabilla
Un universo peculiar que remata nunha estrada sen saída. Antes, conectada a través dun pequeno camiño con Várzea, Portugal. A xente facía vida entre vilas. Tras a construción do encoro de Lindoso no medio, chegar dun lugar ao outro a pé leva case unha hora. A día de hoxe, a vila está case baleira porque case todo o mundo emigrou a Francia. Con todo, a xente recibiunos dunha maneira excepcional, invitáronnos tomar café, fomos ao río bañarnos a un sitio especial e incrible e rematamos cun concerto para dous á noite. Sen pandemia, o concerto estaría cheo de xente.
Ver esta publicación en Instagram
15/08/2020
Das concertinas de Olelas a Melgaço
📍 Sabes cal é a diferenza entre un acordeón e unha concertina? En Melgaço explicáronnolo.
16/08/2020
Monção e Salvaterra
Algún tópico tiña que caer. Si que fomos ao mercado para gravar e a comprar varias cousas para o que quedaba de viaxe. Nós fomos a Monçao, onde falamos con comerciantes dos problemas que lles supón a Covid e con xente galega que cruza case a diario a mercar a algunhas das vilas portuguesas: “Nós aquí sentímonos como se estiveramos do outro lado da fronteira”
17/08/2020
Outra movida o do goianés
“Os barrios que estaban da carretera para o monte falaban o galego común e os da zona do interior falabamos o galego de Fontela, que dicíamos nós”. Sabías da existencia do goianés? Aínda hai discrepancias sobre a súa orixe. Despois pasamos dúas noites en Vilanova da Cerveira, rematando parte do traballo.