contacto@xarda.gal

O autobús que nunca chega

O autobús que nunca chega

A inexistencia de liñas transfronteirizas e a escaseza de transporte público no rural propicia o debate sobre o despoboamento e a interconexión de vilas galegas e portuguesas

As marquesiñas adornan os camiños das vilas que se espallan ao longo da raia seca, a fronteira interior que separa Galiza de Portugal. Hainas máis grandes e máis pequenas, de diferentes cores e en distintos estados de conservación. Non obstante, dende A Mezquita ata Lindoso todas comparten unha mesma característica: ninguén agarda polo bus nelas.

Ao preguntar á veciñanza do lugar como conseguen chegar ao médico ou ao supermercado se non teñen coche propio a resposta máis frecuente é “en taxi ou con algún familiar”. Xeralmente contestan en ton neutro, case aburrido, coma quen concibe imposible que sexa doutra maneira. Nun bar baleiro de Montes, en Cualedro, Manuel toma un café e fala con parsimonia e naturalidade sobre o periplo que ten que realizar cada vez que precisa ir ao médico: durante o curso apaña o transporte escolar, ainda que os horarios non sempre lle cadran ben e isto provoca que as horas de espera sexan longas. Durante as vacacións de verán, e ante a inexistencia de transporte escolar, a súa única opción é pagar un taxi. Tampouco lle queda outra cando non ten quen o leve ao hospital de Ourense para facer probas que non poden facerlle no hospital de Verín: “O taxi ata alí anda por 90-100 euros, ao mellor algo máis”.

Nos seus derradeiros anos de vida, a miña bisavoa tivo que mudarse cos fillos porque non podía vivir aquí soa.”

“O Ave, o ave… aquí quen vai utilizar o Ave? Os servizos deste tren están pensados para as cidades grandes, para Madrid, Vigo e Pontevedra, pero non para A Mezquita nin A Gudiña. Resulta que temos máis combinacións para ir a Madrid que para ir a Ourense”, afirma Rafael Pérez Vázquez, alcalde de A Mezquita. A liña de alta velocidade que conectará ambas cidades entrará en circulación o vindeiro martes, 21 de decembro. 

Na Mezquita, unha vila de 1.328 habitantes que se atopa moi preto da fronteira portuguesa e da leonesa, existiu no seu momento un servizo de tren rexional que conectaba Ourense e a Puebla de Sanabria, que se suprimiu en 2013, deixando a 10 estacións da zona sen servizo. Actualmente, pola área só circulan trens de longo recorrido cuxa única parada é en A Gudiña. Segundo fontes consultadas para esta reportaxe, a causa principal pola que non se instauran máis liñas de transporte regular na área é pola escaseza de usuarias que a utilizarían. Unha das alternativas que está nacendo nalgunhas vilas da contorna é o do transporte público a demanda, que se solicita segundo as necesidades da veciñanza, mais dentro dun horario fixo establecido, o que non sempre satisface as necesidades de desprazamento das persoas que viven alí.

ADRIANO MIRANDA.

Esta situación non acontece só en Galiza: os problemas tamén son compartidos do outro lado da raia. En Pitões das Júnias, unha pequena vila nas montañas portuguesas, acontece exactamente o mesmo: a única opción coa que contan as persoas para ir, por exemplo, ao médico e en transporte escolar polo inverno e en taxi ou con algún familiar nos meses estivais. Isto agrávase coas duras condicións climáticas que afronta Pitões, unha vila que sobrevive, sobre todo, do turismo, e  que nos meses de inverno acaba por baleirarse. Segundo Lúcia Jorge, Presidenta da Freguesia “case todo o mundo ten coche e os veciños que non o teñen, ás veces, se por exemplo queren marcar unha cita médica, intentan cadrala cando están aquí os fillos para que os leven”.

Moitas destas vilas dun e do outro lado da raia non contan con nin tan sequera servizos mínimos coma os dun supermercado: a xente precisa automóbil propio para poder ter cubertas as necesidades máis básicas. Ante esta problemática, dúas veciñas de Medeiros, no concello de Monterrei, decidiron apostar por un novo servizo no que, coa axuda dunha furgoneta, reparten os produtos do mercado que rexentan ás vilas limítrofes. “A xente maior necesítao, porque a maioría non teñen coche e vense na obriga de pagar un taxi ante a escaseza do transporte”, explica Chus, unha das donas da Despensa do Bubal. Eva, a outra socia do negocio, explica que ata que abriron a tenda súa nai ía a facer a compra  Verín tan só unha vez ao mes, a 12 kilómetros e 18 minutos de distancia. “Hai aldeas ás que imos nas que son só 6 ou 7 veciños onde non hai ningún tipo de establecemento no que facer a compra”, explican. A furgoneta da Despensa do Bubal desprázase por curvas sinuosas polo medio da montaña. Nalgunhas aldeas, como Guimarei, os veciños e veciñas xa están fóra da casa agardándoo.  

A Despensa do Bubal tan só viaxa entre vilas galegas. A día de hoxe non existe ningún servizo de transporte transfronteirizo que conecte localidades de ambos lados da raia, a pesar de que os intercambios comerciais e persoais entre veciñanza galega e portuguesa forman parte do día a día. En 2019, a Eurocidade Chaves-Verín implementou un servizo ocasional de transporte que conectaba ambas cidades. “O autobús funcionaba en conformidade cos días de feira dun e do outro lado da raia ou en relación cos eventos culturais que se sucedían nestas cidades”, explica Nidia da Cunha, responsable de comunicación da Eurocidade. En 2020, coa chegada da pandemia da Covid-19, os servizos de transporte suspendéronse e continúan parados ata o día de hoxe: “Existe unha liña que vai dende Chaves a Vilarelho da Raia. Quen quere vir a Feces consegue, mais quen precisa de ir a Verín non ten hipótese”.

“Algunha vez teño visto o bus da Eurocidade, pero úsase sobre todo para as rutas termais. Hai moita xente que non sabe da súa existencia.”

En Feces de Abaixo, o municipio galego máis próximo a Eurocidade, vive Puri Regueiro, que é a representante dos comerciantes da vila. Dende a súa tenda de alimentación conséguense ver as instalacións da Eurocidade, que se localizan no edificio da antiga aduana. “Algunha vez teño visto o bus da Eurocidade, pero úsase sobre todo para as rutas termais. Hai moita xente que non sabe da súa existencia”, asegura Puri. Segundo ela, “as transfronteirizas somos vilas que vivimos en común, tanto comercial como socialmente” e por iso reivindica “un transporte regular, un transporte público que comunique Chaves-Verín e que pare nas vilas pequenas. Somos as pequenas aldeas as que precisamos iso: unha rede de transporte común”.

As vilas da raia non son alleas ao despoboamento crecente que asola o rural de Galicia e Portugal. Se xa a falta de servizos agrava a situación destes lugares no común do territorio, a situación empeora  cando falamos de vilas interdependentes entre as que non existe ningún tipo de conexión de transporte público. Isto non só afecta a poboación envellecida, que cada vez depende máis do taxi ou da dispoñibilidade dos seus familiares para poder seguir habitando o territorio, senón tamén a un potencial sector de xente nova que, ante a escaseza de servizos, ve cada vez máis difícil o volver á raia. É o caso de Serxio María, estudante de dereito e natural do Couto Mixto que, a día de hoxe, reside a medio camiño entre Santiago de Rubiás, Ourense e Santiago de Compostela: “Gustaríame nalgún momento vivir aquí e, sobre todo, poder facelo con dignidade, coma calquera habitante urbano”. Preto do Couto Mixto atópase a vila portuguesa de Montealegre. Segundo Serxio, sería fundamental que ambas vilas estiveran conectadas. “Fai falta un compromiso maior por parte da Xunta e da Unión Europea, na que non deberían existir fronteiras. Recordo que miña bisavoa, nos seus derradeiros anos de vida tivo que mudarse cos seus fillos porque non podía vivir aquí soa”.

“É o que máis destrúe o medio rural, e as administracións temos parte de culpa.”

Unha das frases que máis se escoitan ao longo da raia cando se fala de transporte público é que “a xente xa está acostumada a utilizar o seu propio coche”. Rafael Pérez,  alcalde da Mezquita, dá a súa opinión sobre este feito: “A xente do rural chegou a un punto de pasividade e absoluto conformismo e, xa por non protestar, colle un taxi. Adáptanse e non protestan ante a impotencia, porque ven que non lles van facer caso”. Engade tamén que esa desmotivación parte tamén da administración, que xa non atende a esa necesidade. A Presidenta da Fraguesía de Pitões das Júnias recoñece que o problema da falta de transporte “é o que máis destrúe o medio rural”, e reflexiona sobre a perda de servizos: “Se cadra nós temos parte de culpa, porque deixamos que fora pasando o tempo e acabamos perdendo ese dereito, como tamén aconteceu coas escolas. A propia poboación tamén ten un pouco de culpa porque usa pouco o transporte”.  Ao longo da raia aflora a mesma cuestión: é a xente a que non quere usar o transporte ou é a escaseza de servizos a que desacostuma á xente?

Unha reportaxe de Sofía Caamaño Deus, Ruben Martins, Elena Martín Lores e Pablo Santiago. “Fin de liña” é un proxecto de Público (Portugal) e Xarda Sociedade Cooperativa Galega.

 

Tags: