VIDEO#2 Ensino: A quen lle importa o rural?
O segundo audiovisual de ‘Lugar de’ viaxa ata O Courel, Luaña e Mazaricos. En cada un destes lugares, un exemplo de como a administración pon trabas ao ensino rural e á propia subsistencia destas vilas. No Courel, cun concurso para licitar o transporte escolar que favorece a grandes empresas e impide que os taxistas da zona, que levan trinta anos dando este servizo, opten a el. Na parroquia da Luaña, no concello de Brión, co peche dunha escola unitaria construída pola veciñanza da parroquia hai máis de oitenta anos. E en Mazaricos, coa inexistencia dunha liña de transporte para o alumnado de bacharelato que os leve ao seu centro a Cee, Noia ou Santa Comba, provocando xornadas de ata nove horas diarias.
Non son tres casos illados, se non un exemplo do que está a pasar co ensino en todo o país. As propias entrevistadas inciden na desigualdade que supón isto para as crianzas do rural: nas unitarias de Brión non hai servizo de comedor ou transporte, servizo do que si dispoñen nos coles grandes. Nas aldeas de Mazaricos, os rapaces e rapazas saen as seis da mañá para chegar ás nove ás aulas e no Courel o cambio de licitación no transporte provocaría que os poucos nenos e nenas de Romeor tiveran que facer dúas horas de coche cada día.
Para manter a vida no rural tamén supón máis dificultades. O 20% das familias do colexio de Folgoso do Courel dependen do servizo do transporte escolar, do taxi, e algúns recoñecen que de perder ese traballo, terían que pensar se é viable seguir alí. Tamén na Luaña, onde Lucía Forján asume que o feito de que os seus fillos sigan estudando nunha unitaria implica un custo económico extra para as familias. Para Mayka Cacheiro, directamente, a administración “fomenta que marches do rural”.
No audiovisual falan sobre estes temas e reflexionan sobre os problemas e os beneficios do ensino no rural o taxista e pai Pedro Romeo; Pilar Veiga da ANPA do Colexio Uxío Novoneyra; Lucía Forján da ANPA da Unitaria da Luaña e Mayka Cacheiro, profesora e parte da Federación Provincial de ANPAS Coruña-Costa da Morte.