contacto@xarda.gal

As escolas que aínda viven

As escolas que aínda viven

Ante o crecente despoboamento das áreas rurais de Galiza, os Colexios Rurais Agrupados reinvéntase como espazos de encontro, aprendizaxe e fortalecemento da comunidade.


O colexio rural de Xaviña, en Coristanco, aínda cheira a pintura. Jihan Sahb El Khataouat, a titora das sete nenas e nenos que estudan nesta escola, observa no móbil unha fotografía das instalacións que data de poucos meses atrás. Na imaxe, as fiestras vense constrinxidas por barrotes de ferro, a fachada amosa un ton lúgubre e a aula semella escura. Hoxe, a luz penetra limpa no cuarto e  as cores vivas do edificio destacan entre o verde da contorna. A escola rural de Xaviña que, xunto con outras sete unitarias conforman o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Coristanco-Santa Comba, é o resultado do esforzo conxunto dunha comunidade que loita por manter vivos os servizos educativos no rural.

“A escola de Xaviña estivo a piques de pechar porque non chegabamos ao mínimo de seis nenas inscritas, así que as nais e os pais, coa axuda económica do concello, reformaron o edificio durante as fins de semana e  días festivos para que as instalacións fosen máis atractivas”, explica Jihan. Segundo esta mestra, durante os meses de restauración, nas fins de semana xuntábanse na escola familiares, veciñas e alumnado. O colexio era o lugar de encontro comunitario. “As nais e os pais foron casa por casa buscando a xente para que o cole non pechara, son persoas moi implicadas co proxecto”, asegura Jihan. En Xaviña estudan agora sete alumnas e para o ano contan con que haxa, polo menos, dez persoas matriculadas.  Non moi lonxe de alí, tamén na zona rural de Coristanco, o CRA de Feiranova vive unha situación máis delicada: se non se matricula, polo menos, unha nena ou neno máis para o vindeiro curso, terán que pechar as súas portas.

O CRA de Xaviña antes e despois da renovación que levaron a cabo entre as nais e os pais do alumnado. Comezaron en novembro e remataron despois do Nadal, traballando durante as fins de semana e os días festivos.

Dende o 2005 pecharon en Galiza máis de 200 escolas unitarias”

O patio do colexio de Feiranova cheira a terra mollada e tan só se separa dunha leira veciña por un pequeno corredor de pedras. Dentro do recinto escolar hai un viveiro cuberto no que medran, aos poucos, as leitugas que plantaron fai unhas semanas. A aula é grande. Dispoñen dun ordenador, un encerado dixital, conexión a internet, espazos de xogo e aprendizaxe e, ao fondo, un pequeno estante onde descansan as botas de goma que as nenas e nenos se poñen para realizar actividades no exterior.  “Se a escola pecha o próximo curso, os alumnos terían que dividirse entre os colexios próximos. Sería unha pena que iso acontecese tendo en conta que acabamos de reformar as instalacións”, afirma Suso Mosquera, director do CRA Coristanco-Santa Comba.

No pasado curso 2019-2020 houbo seis escolas rurais en Galiza que non puideron abrir as súas portas por non acadar o requisito mínimo de seis alumnos matriculados. Dende o 2005 pecharon máis de 200 escolas unitarias. “A administración non fomenta o mantemento das escolas rurais. Non lles interesa, dende un punto de vista económico, que existan estes colexios”, asegura Suso Mosquera. Para el, as escolas rurais son un importante dinamizador e “a peza fundamental para artellar o rural”. A Suso Mosquera gustaríalle poder habilitar no espazo dalgún dos colexios do CRA Coristanco- Santa Comba unha brinquedoteca, é dicir, un lugar cuberto no que os nenos e nenas poidan ir a brincar fóra de horas lectivas. “Se queremos que o rural sobreviva, ten que ter servizos, e un dos servizos primordiais que se deben ofrecer son os educativos”, asegura Mosquera.

Noelia Vázquez naceu, medrou e estudou na Coruña. Agora vive na Rabadeira, un lugar na parroquia de Seavia, en Coristanco, onde, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, vivían 199 persoas en 2018. Dende a fiestra da súa casa pódese divisar o patio do colexio do CRA no que estuda a súa filla de cinco anos e no que agarda poder matricular no futuro ao seu fillo de ano e medio. Probablemente, cando el comece a escola dentro duns anos, compartirá aula con alumnado de ata 2º de primaria. Nas clases conviven nenos e nenas de idades variadas. “Isto é unha vantaxe porque aprenden a axudarse entre eles e, aínda que os contidos están adaptados aos distintos niveis, os máis cativos, que son coma esponxas, sempre están expostos a un nivel de coñecemento superior”, explica Suso Mosquera. Para Noelia, o alumnado dos CRA é como unha pequena familia: “os nenos máis grandes axudan aos máis pequenos e, ademais, establecen relacións coa contorna e coas veciñas”. Enfronte do colexio da Rabadeira no que estuda a súa filla vive a señora María, a quen os nenos e nenas saúdan todos os días e que “xa forma parte da comunidade educativa”. Para Suso Mosquera, as escolas rurais “devólvennos as experiencias en comunidade que había antes nas aldeas, nas que persoas de distintas idades aprendían as unhas das outras”.

Interior do CRA de Feiranova. As nenas e nenos divídense nas diferentes mesas
segundo as súas idades.

Cada CRA está conformado por unha única aula que pode ter un mínimo de seis e un máximo de 20 alumnos –ou 18 no caso de que nesa clase tamén haxa nenos ou nenas de tres anos- e no que hai unha mestra titora fixa. Para as materias específicas como poden ser a música ou o inglés, existe un equipo de profesorado itinerante que se move entre as diferentes escolas da área.  “Un dos aspectos positivos das escolas rurais é o trato personalizado que recibe o alumnado. Non é o mesmo ter sete nenos nunha aula ca 25”, explica Noelia. Para Jihan, titora do colexio de Xaviña, o número de alumnado reducido nas aulas beneficiou moito ás escolas rurais en comparación coas urbanas nos tempos da Covid-19: “aquí o único polo que notamos a pandemia é pola máscara. Non perdemos tanto tempo lectivo en levar a cabo procedementos de hixiene e non nos temos que preocupar por se á hora da merenda coincidimos con outras clases”.  Nos CRA non hai timbres. As mestras poden propoñer as actividades que crean convenientes e axustalas ao tempo que precisen. “Traballamos por proxectos, con metodoloxías activas; o alumnado aprende facendo cousas, manipulando, experimentando”, explica Suso.

As escolas rurais devólvennos as experiencias en comunidade que había antes nas aldeas, nas que persoas de distintas idades aprendían as unhas das outras”

Por outra banda, e a pesar de que “nas escolas do CRA Coristanco-Santa Comba a maioría de rapaces falan galego”, Suso Mosquera percibiu a alza  dunha tendencia, ata o momento, pouco común. “Nos últimos anos dinme conta de que agora hai máis rapaces que, a pesar de vir dunha familia galegofalante, vivir nunha comunidade galegofalante e de que na escola lle falen o galego, acaban asumindo o castelán como lingua vehicular”, conta Suso. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, o 44% dos nenos e nenas galegas exprésanse sempre en castelán. A pesar de que nas escolas rurais esta tendencia non é tan pronunciada, segundo explica Suso Mosquera, estase notando “a falta de referentes en galego” e “a política belixerante da administración contra a lingua”.

1 / 5
O CRA de Xaviña despois da renovación.
2 / 5
Interior do CRA de Feiranova.
3 / 5
Escola de Xaviña despois das reformas.
4 / 5
5 / 5
Escola de Xaviña durante as reformas

 

Coa crise demográfica, os nenos e nenas da contorna fóronse agrupando nos Colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) próximos. Para Noelia, moitas nais e pais non escollen escolarizar aos seus fillos e fillas en centros rurais por motivos de conciliación. “Nos CEIP contan con servizos de comedor e transporte que nós non temos no CRA”, explica Suso. Aínda así, desde os CRA continúan reinventándose, pintando paredes, organizando actividades, plantando leitugas, convivindo ca natureza e cas veciñas, mollándose, enchéndose de lama, experimentando as estacións, axudándose unhas a outras e tecendo comunidade.

Tags: