VÍDEO #4 Unha vida no Couto
Neste novo audiovisual da serie #LugarDe imos ata a aldea do Couto, na parroquia de San Tirso de Cospindo. Alí falamos con Rosario, Julia e Dolores, tres mulleres que levan toda a vida formando parte do tecido asociativo que se foi xerando na aldea desde os anos oitenta. O Couto é unha aldea diferente, chea de murais e pegadas das ducias de concertos, obradoiros e actividades culturais que adoita haber cada semana.
Nesta aldea de pouco máis de cen habitantes naceron a asociación de mariscadoras, a Fundación Eduardo Pondal ou a Asociación Íntegro. Pero os comezos non foron fáciles, sen subvencións nin apoios de ningún tipo: “Entre os veciños e veciñas compramos o terreo e construímos a casa; cada quen facía o que podía”. Así naceu a Casa dos Veciños, lugar de reunión da primeira asociación da aldea, a Asociación Cultural Monte Branco. Para conseguir os cartos botaron man de inxenio e moito esforzo: “Colliamos o tractor e iamos polas festas porque era onde se facían os cartos. Vendiamos bebidas e bocadillos de bisté”.
Desde aquela, a Escola de Verán, a de Inverno, a Festa das Letras (agora Festiletras), unha universidade rural, os Reis Magos do Couto e centos de concertos, obradoiros e actividades. Por alí pasaron desde Isaac Díaz Pardo a Sés, desde Fina Casalderrey a Xabier Díaz, facendo da aldea testemuña privilexiada dos cambios xeracionais na cultura galega. “Xamais pensei aprender tanto, nin tratar coa xente que tratei”, explica emocionada Rosario, fan declarada de Ángel Carracedo: “Como ía estar esta xente no Couto? Pois si.”
Julia, Dolores e Rosario falan de cultura ou do despoboamento do rural, porque aínda que son felices alí recoñecen que “o que non hai é traballo”. Con todo, Julia pensa que “se houbera máis iniciativas como esta, a xente non marcharía tanto”. Recordan tamén como a asociación se manifestou contra a celulosa que ían achantar na desembocadura do Anllóns: “Se houbera celulosa non habería agrupación de mariscadoras, nin este ambiente, nin teriamos estas vistas que temos.”