contacto@xarda.gal

Silvatiica: ilustrar para reivindicar o rural e a lingua

Silvatiica: ilustrar para reivindicar o rural e a lingua

O canto das aves pola mañá, o vento fresco, os animais desexando saír ás fincas, a permanente e sempre distinta horta fóra da casa… todo se mestura para conformar unha especie de linguaxe universal. Do mesmo xeito que sucede coa música, para o estilo de vida no medio rural non existen as fronteiras.

 

Andreea Birsanu naceu en Romanía, pero leva máis de 15 anos en Galiza, terra que adoptou coma súa. A súas palabras destilan un inmenso amor á vida labrega e á natureza, afectos que saen a relucir no seu traballo artístico. Falamos co ela sobre o seu proxecto, Silvatiica, e ensinounos como, a pesar dos infinitos obstáculos, se pode vivir, traballar e criar no rural.

Primeiro de nada, como é que chegas a Galicia?
A situación económica non era moi boa en Romanía, así que a miña nai saíu do país. Primeiro atopou traballo en Italia e logo en Huelva, na recollida de fresas. Eu quedei co meu pai ata que marchou tamén para atopar traballo en Huesca. Fixo unhas probas de motoserrista e acabou contratado nunha empresa en Arzúa. A miña nai empezou a traballar alí tamén, limpando e nun restaurante. No 2005, cando puideron alugar un piso, viñemos nós tamén.

E acostumarte ao rural non foi en difícil, non? Teño entendido que en Romanía tamén vivías no campo…
Si. O difícil foi o primeiro ano que pasamos nun apartamento porque ningún de nós estaba afeito. Así que, en canto se puido, mudámonos, tamén no centro de Arzúa, a unha casiña que tiña un pouquiño de terra detrás. Logo atopamos outra saíndo de Arzúa cara a Santiago, en Laberco. Unha casiña pequeniña que nos gustaba bastante e tiña espazo para ter algún animal. Aí xa nos sentíamos moito máis na casa.

E lembras que foi o que che gustou máis de Galiza ao principio?
O primeiro que lembro que me impactou de Galiza é que había moitos avances que aquí xa non se consideraban como tal. Aquí había baños en tódalas casas e para coller auga só había que abrir a billa, non ir ao pozo. Víao, dende os meus ollos de nena, como un mundo distinto e á vez moi parecido: había verde, había animais e compartía case a mesma infancia coas compañeiras de clase. Éramos de lugares distintos que estaban moi separados mais á maneira de criarnos fora moi parecida.

Sobre isto recordo algo que se me quedou gravado. Na aula dunha profesora había unha frase “todos somos iguais e todos somos distintos”. Unha frase que me facía pensar: “aínda que haxa cousas moi distintas temos moitísimas cousas en común: aquí a xente tamén ten animais, tamén planta, os nenos tamén xogan a facer bonecos de terra”.

Se tivésemos ido parar a outro lugar máis urbano penso que todo sería moi distinto. E de feito agora non me vexo quen de marchar de Arzúa. Gustaríame vivir na montaña lucense mais teño unhas raíces fortes aquí.

Andreea na horta da súa casa.

Lin que te consideras galega, como é que xurde esa relación con esta terra?
A identidade galega veu pouco a pouco. Cando chegas a tan curta idade é fácil empezar a sentir esta terra como túa e a esquecer parte da terra natal. Aprendes a ler e a escribir aquí e o galego pasa a ser o idioma que falas sempre fóra da casa; tes os mesmos costumes e tes tantas cousas en común coa xente que acabas fundíndote na sociedade. Aprendes ao mesmo ritmo que as compañeiras a historia de Galiza e a sentes tamén na túa carne as inxustizas cometidas contra este pobo. E así, pouquiño a pouco, sen saber como, acabas sendo menos estranxeira nesta terra que na propia.

E como foi que xurde Silvatiica, o teu proxecto de ilustración?
Silvatiica naceu da necesidade de conseguir ingresos no medio dunha pandemia. Era un proxecto que tiña en mente desde fai anos, mais nunca acababa de arriscarme porque conseguir ingresos limpando un apartamento turístico era máis sinxelo. Que pasou? Que se me xuntou un embarazo e posterior crianza coa pandemia e eu vía que era difícil atopar un traballo.  Entón decidín empezar como autónoma. Tiven a sorte de que non só non perdín se non que gañei algo e neses meses estiven ocupada sempre con algún encargo personalizado e coas vendas da tenda

Silvatiica é un intento de ter un traballo digno, mais tamén é un espazo no que conviven a arte e a vida, onde podo representar e reivindicar o rural.  Quero remexer conciencias coas ilustracións, normalizar a lingua galega e defendela, quero defender ás mulleres e os seus dereitos e tamén ao rural e á súa xente. Tamén quero abordar a maternidade porque dende que son nai, son moito máis consciente da invisibilización de todo o relacionado coa maternidade e a infancia.

Hoxe en día, as redes sociais son moi poderosas e, con imaxes e unhas poucas palabras, se pode sementar o cambio en miles de persoas.

Unha das creacións de Silvatiica.

Actualmente o rural galego vive un proceso de despoboamento. Que servizos consideras que son fundamentais para que a xente non migre ás cidades ou decida ir a vivir a unha aldea?
Penso que fan falta moitos cambios. O máis urxente a mellora da comunicación. Non pode ser que no s. XXI vivir no rural sexa case imposible sen un coche ou sen depender dalgunha veciña que te leve ou do taxi. Ademais, agora na pandemia, en lugar de aumentar os servizos e a súa regularidade, fíxose ao contrario: reducir e eliminar.

Outra necesidade é mellorar o servizo de internet. Eu vivo conectada a unha xeral, a 4 km de Arzúa. Non teño cable de teléfono e menos fibra óptica. Para que a xente quede é necesario deixar de investir todo no camiño de Santiago e crear empregos con boas condicións, así como mellorar a cobertura para traballar dende casa.

Outra problemática é atopar casa ou apartamento no rural. Moitas foron reformadas para usar como casa rurais e explotar máis o boom do camiño. Outras foron abandonadas porque as familias emigraron e acabaron medio derruídas e sen donos coñecidos.

Tamén é importante aumentar os servizos básicos: centro médico, servizo de urxencias, farmacias, colexios… Tamén é necesario aumentar a oferta cultural porque hai demanda. En fin, hai moito que cambiar e creo que o primeiro paso sería empezar a gobernar para a xente que vive aquí e non tanto para o turismo.

E con respecto á maternidade: que obstáculos (se é que hai outros máis específicos dos que xa dixeches) atopas na crianza no medio rural?
Non ter matrona/pediatra tódolos días. Telas só polas mañás Eu, se lle pasa algo á nena pola tarde, teño que ir ata Santiago inda que non sexa nada gravísimo porque aquí non hai pediatra polas tardes nin os fins de semana).

E agora tamén se concentra máis rapazada nun núcleo e aumentan as aulas en número, mais non aumenta o profesorado e a educación deixa de ter a mesma calidade. Habería que falar de recuperar as unitarias.

 

Creaches o grupo “mulleres que escriben en galego”. En que consiste e como xorde?
É un grupo que xorde da necesidade de ler literatura galega, sobre todo a escrita por mulleres. Se xa de por se a literatura galega está oculta e non se difunde como a que está en castelán, cando está escrita por mulleres, aínda máis. Entón pensei en crear un lugar no que, tanto as que escribimos como as que lemos, poidamos compartir, recomendar e falar das nosas lecturas. A idea é tecer unha rede para darnos o apoio que o sistema non nos dá. É un grupo mixto e calquera pode participar, pois non é necesario ser muller para ler ás mulleres e comentar as lecturas dende o feminismo. Ademais, as administradoras velaremos de que as mulleres sexan as principais protagonistas e reciban a atención e respecto que merecen.

Estou traballando este proxecto xunto a Lucía Cernadas e Verónica do Rexo, quen se animaron a axudarme a administrar o grupo de Facebook para crear un grupo de lectura e un intercambio epistolar que empezarán no mes de febreiro.

Tags: