contacto@xarda.gal

Seguir cantando para que a memoria viva

Seguir cantando para que a memoria viva

A pesares do éxodo rural, os cantos e bailes tradicionais seguen presentes na actualidade sen esquecer as súas orixes, mais adaptándose aos novos tempos.

 

Matilde recorda o cabanote da súa casa repleto de xente bailando e tocando. Nas lembranzas, a súa irmá repica rápido e a ritmo na pandeireta. Bailan por separado e tamén agarradas; pasan así a tarde. Agora, naquel mesmo lugar, xa nunca se xuntan veciñas. Dende a fiestra da cociña divísase o cabanote onde tan só hai mobles roídos polo tempo, un muíño en desuso e gatos da rúa que descansan sobre un sofá vello.

“O baile e a música tradicionais deixaron de transmitirse de xeración en xeración entre os anos sesenta e oitenta, co éxodo rural. Nalgunhas recollidas, ás veces a xente conta que pararon de cantar ou bailar cando emigraron para Suíza”, afirma o historiador Hadrián García. Olimpia vive na aldea de Montemaior, no concello da Laracha, e explica que a ela lle ensinou a tocar a pandeireta súa nai: “na casa eramos pobres, non tiñamos cartos para comprar instrumentos, e miña nai ensinoume a tocar a pandeireta cun prato de porcelana e mais cunha culler”. Ela, ao igual que Matilde, tamén recorda xuntarse con veciñas e amigas á tardiña para bailar ao carón da igrexa de Santa Margarida. Despois de emigrar para Suíza con 21 anos volveu a Montemaior, onde retomou a súa afección pola música. Amosábao así neste vídeo feito polas compañeiras de Luneda Producións:

“Algunha vez colaborei con asociacións para ensinarlle á xente nova os puntos típicos de Montemaior. Agora hai bastante rapazada que quere aprender o baile tradicional”, conta Olimpia. Hadrián García explica que as primeiras asociacións, que naceron na década dos oitenta, actuaron a modo de parche para paliar a perda cultural deses anos.

O baile e a música están intrinsecamente vinculadas ao medio rural. “Non se limitaban tan só aos momentos de lecer, senón que se espallaban a tódolos ámbitos da vida. A xente cantaba mentres araba a terra ou separaba o gran da palla. A música era unha especie de bálsamo para soportar os duros traballos do campo”, asegura Hadrián. Olimpia confesa que canta todo o día: érguese pola mañá e canta, sae a rúa e canta, traballa e canta. “Moita xente dime que parece que estou tola, pero aínda así eu sigo facéndoo”, asegura. No día de hoxe, durante as recollidas, recompílanse estes cantos tan vinculados ao rural e aos traballos do campo. “Hoxe en día a música e o baile tradicional continúan moi ligadas ao medio rural, máis dun xeito descontextualizado. Podemos reproducir os cantos de segada e labrada, pero carecen de contexto. A desaparición do mundo rural leva á desaparición do contexto orixinal do baile e a música tradicional”, afirma Hadrián.

Con todo, tamén existen iniciativas que pretenden adaptar a nosa cultura á actualidade. Un exemplo é o proxecto Andar cos tempos, que aspira a deconstruír os estereotipos de xénero e as desigualdades ligadas ao baile e música tradicionais. “Na tradición hai comportamentos machistas, mais é importante salientar que moitos deles foron alimentados polas asociacións culturais e o baile de espectáculo, así como polos grupos da sección feminina durante o Franquismo”, explica Hadrián. Segundo a súa experiencia, nas recollidas perciben que en moitas ocasións as que levaban as rendas do baile eran as mulleres: “isto acontecía principalmente porque os homes emigraran ou estaban na guerra, mais si é certo que estes estereotipos de xénero se perpetuaron no tempo co baile de espectáculo. Na tradición non sempre había, por exemplo, filas exclusivamente de homes e de mulleres”.

Matilde xa non canta, non baila e non toca a pandeireta. Cando se lle pregunta se se acorda de algunha cantiga a resposta é que non. No momento cala. Aínda así, confesa que no cuarto da máquina de coser garda unha libreta na que vai anotando as rimas que se lle acordan, mentres está distraída no campo e comeza a cantar.

Tags: