Máis que organizarse para calcetar: unha reivindicación das mulleres rurais
Ás mulleres do rural píntannos con certo halo romántico: coma eternas penélopes, que esperan aos homes mentres fan unha calceta ao calor da cociña, ou como unha nai atenta e devota dos coidados da familia, coma Benedicta en O que arde.
Se algo teñen en común esas representacións é que ambas nos ancoran á casa e romantizan a desigualdade de xénero da que somos obxecto. Porque se ficamos na casa, non é por gusto, é por unha falta de oportunidades tan antiga, que terminou por se converter nunha norma.
Por unha banda, temos maior dificultade para acceder a un emprego remunerado: as estatísticas indican que a maioría das mulleres no medio rural non temos ningún tipo de prestación como seguridade social ao longo da nosa vida, o que tamén significa que somos economicamente dependentes. Tampouco nas aldeas nin nas vilas hai unha oferta cultural e de formación á que todas poidamos acceder. Non hai espazos de lecer nin algún outro lugar para socializar. Se non estamos no mercado laboral nin no espazo público, que opción queda se non é illarnos na casa?
A proliferación e resistencia das asociacións de mulleres por todo o rural deixa en evidencia as deficiencias das políticas sociais: son as mesmas veciñas das aldeas quen, ante a desatención das institucións, procuran e dispoñen espazos para convivir, aprender e desfrutar.
Con todo, por máis vítimas que poidamos ser da incompetencia das políticas sociais, hai algo que tanto os medios de comunicación como as institucións esquecen ao pensar en nós: as mulleres do rural temos axencia e somos máis que as nosas representacións vitimizadas.
***
A Asociación de Mulleres de Bamio naceu hai 25 anos: “Xurdiu para que as mulleres da aldea non só estivésemos ocupadas coas labores da casa e do campo. A idea era que as mulleres saíran da casa unhas horas para participar en obradoiros ou ir a excursións, que é algo que gusta moito. O que pasa é que os domingos os maridos ían para a taberna e as mulleres quedaban soas na casa. Agora poden ir á excursións e saír da casa”, comenta Isabel Rodríguez, a actual presidenta da Asociación de Bamio.
Mais non son elas as únicas mulleres auto-organizadas. Ao longo de todo o rural galego, as mulleres comezaron a se xuntar e crear asociacións para satisfacer as necesidades que as institucións non lles estaban a cubrir. Esta especie de polixéneses de asociacións femininas non é unha coincidencia nin unha tendencia. Organizar e xestionar a vida comunitaria é algo inherente á dinámica social no campo.
Ana Pérez Cardoso, técnica en educación e igualdade e fundadora do proxecto de formación Doulas Sororas, pensa que esta efervescencia débese a que “para empezar, hai máis mulleres que homes no rural. Mais tamén penso que é un xeito de recuperar un espazo ao que antes tiñan pouco acceso, o espazo público. Ademais de que teñen moitas ganas de facer cousas”.
No concello de Melide sitúase quizabes un dos paradigmas de maior alcance das asociación de mulleres rurais: cunha traxectoria de sete anos, Alecrín está composta por arredor de 600 mulleres. Aurora Fernández, unha das socias comenta sobre o contexto en que xorde a asociación: “No rural síntese bastante soidade. Non se ten oportunidade de facer nada, pois para calquera cousa tes que te desprazar. E aínda desprazándote, logo non atopas que facer. Así que empezamos a xuntarnos porque non había nada, non había ningunha asociación que se ocupase diso. Entón decidimos facelo. Creamos Alecrín para pasar o tempo, falar, aprender e tamén ir desenvolvendo cultura, que é importante”.
Hoxe, Alecrín coordina diferentes tipos de obradoiros, ofrece cursos de internet ás mulleres maiores e tamén ofrece axuda a calquera veciña que queira empezar unha empresa, conéctana coa Federación de Mulleres Rurais de Galicia para que se lles dea orientación.
Sobre os logros da asociación, Aurora comenta sobre o impacto positivo que está a ter Alecrín na vida das mulleres: “Volvéronse máis participativas, e cada vez teñen máis gañas de aprender, de facer cousas”.
Alén dos contidos das actividades, o espazo de socialización que ofrecen as asociacións de mulleres rurais é importante para o seu autoestima, en tanto que as mulleres establecen contacto entre si e aprenden a valorar os seus coñecementos e a desenvolver unha voz propia dentro da colectividade.
Ana Pérez, por exemplo, deuse conta de que as veces nos espazos urbanos e académicos, créanse ideais sobre o tipo de proxectos que se lle deben ofrecer ás mulleres para “empoderalas”. Non entanto, moitas veces esas teorías están afastadas da realidade e non responden ás necesidades e intereses das mulleres. Nese sentido, para ela, o traballo coas asociacións femininas ensinoulle a valorar os coñecementos que as mulleres xa tiñan desenvolto por se mesmas, os cales acostuman ser desprestixiados noutros contextos.
“Elas teñen moitas ganas de facer, sobre todo, manualidades, cousa que ao inicio costoume traballo entender: interpelábame moito dende a miña formación feminista. Non entendía por que non querían falar de xénero e todas estas cuestións e preferían facer manualidades. Eu viña fresquiña da universidade e das formacións en xénero, mais agora entendo perfectamente o marabilloso e relaxante que é facer manualidades en vez de ir ás reunións a falar do mal que están as mulleres. Con todo, as mulleres coas que traballo no rural agora están máis interesadas no discurso “de xénero”, que hai 15 anos. Polo menos manexan máis esa linguaxe, porque igual antes xa pensaban nestas cousas pero non lle chamaban do mesmo xeito”.
O éxito destas asociacións, que podemos medir superficialmente a partir do número de participantes e do tempo que levan traballando, non sempre é doado nin representa a todas as parroquias, onde espertar o interese e sacar os proxectos adiante é unha loita contra ao deixamento, consecuencia de décadas de abandono institucional.
O feminismo non é un concepto nin unha ideoloxía fixa. Hai tantos feminismos como contextos sociais.
Isabel Rodríguez leva xa dez anos como presidenta da asociación de Bamio e sinala as dificultades que teñen para seguir co proxecto colectivo: “Xa non hai maneira de que entren socias novas. Non vemos o interese que había na aldea hai moitos anos. A xente está moi desmotivada. E isto xa ven de antes da pandemia. Cada ano que saimos a cobrar o pagamento anual, vimos con máis dunha ducia de baixas. Pero dáme pena dar de baixa a asociación, aínda que se fose por unha compañeira da directiva, xa se podía liquidar dende hai uns anos. Para min, isto non se desfai mentres poidamos aguantar”.
A proliferación e resistencia das asociacións de mulleres por todo o rural deixa en evidencia as deficiencias das políticas sociais: son as mesmas veciñas das aldeas quen, ante a desatención das institucións, procuran e dispoñen espazos para convivir, aprender e desfrutar. Hoxe en día, son varias as aldeas nas que a dinamización cultural e programación de obradoiros accesibles para toda a poboación dependen só destas asociacións. A organización é outro dos xeitos nos que as mulleres rurais sosteñen e coidan a vida das comunidades.
***
O feminismo non é un concepto nin unha ideoloxía fixa. Hai tantos feminismos como contextos sociais. Aínda que moitas veces parecese que queda ancorada nos libros é cidades, a loita feminista ten múltiples formas e linguaxes. Xorde sempre que dúas mulleres se xuntan para loitar contra as desigualdades que as oprimen. Non importa se se autoproclaman feministas nin se leron o Segundo Sexo. O valor da organización non se pode medir nin polo tipo de acción que realices nin polas palabras que uses para describir á realidade.
As mulleres do rural somos máis ca unha imaxe, ca unha idea. Xuntámonos para facerlle fronte ás desigualdades, para modificar o noso presente. Organizámonos na procura de maior autonomía, dunha vida digna e que valga a pena ser vivida.
Unha colaboración de Sara Guerrero e Xarda.