contacto@xarda.gal

Non renovábeis: Historias trala transición enerxética

Non renovábeis: Historias trala transición enerxética

A construción do encoro de Lindoso (Portugal) expulsou das súas terras á veciñanza de cinco aldeas galegas. Hoxe, a proliferación de eólicos en Galiza ameaza a tranquilidade da pequena aldea de Sendim.

Nos meses secos de verán, os baixos niveis de auga do encoro de Lindoso deixan ao descuberto a que fora a casa de Mario e Margarida, que se situaba nos altos da vila. Juan Carlos, en cambio, non volveu a ver o fogar no que pasou a súa infancia dende que se anegou o 8 de xaneiro de 1992. Buscalque era a máis baixa das cinco aldeas que afundiron despois de que Electricidade de Portugal -EDP- enchera definitivamente o encoro de Lindoso, que este mes de xaneiro cumpre 30 anos da súa construción.

Dende a EDP explican que o encoro do Alto Lindoso se construiu nun lugar onde “xa existía un pequeno encoro” e aseguran que debido a “diversos condicionamentos técnicos” o encoro non podería terse construído noutro local. Cando se lles pregunta polas vilas anegadas, responden que “todas as actividades realizadas pola EDP en territorio español foran supervisadas polas autoridades españolas, nomeadamente a Confederación Hidrográfica da Lima, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, e os municipios de Lobios e Entrimo”.

Un dos argumentos que se utilizou no momento a favor da construción do encoro foi a creación de emprego entre a poboación local. Segundo datos proporcionados pola EDP, durante a creación do encoro houbo contratados 1.000 traballadores durante cinco anos. A día de hoxe hai 8. Tamén falan dun significativo incremento de empregos indirectos. As fontes veciñais consultadas para esta reportaxe negan esa realidade.

Hoxe en día xa non se expulsa poboación para construír encoros. Non obstante, o aumento do número de proxectos a prol da transición enerxética como as minas e os parques eólicos afectan pexorativamente a vida de moitas persoas dun rural cada vez máis despoboado.

1 / 9
2 / 9
3 / 9
4 / 9
5 / 9
6 / 9
7 / 9
aceredo outubro (7)
8 / 9
aceredo outubro (6)
9 / 9
aceredo outubro (4)

 

A fronteira entre Baltar e Montalegre é practicamente imperceptible. Do lado galego sitúase a vila de San Martiño, e do Portugués a pequena aldea de Sendim. Entre ambas, monte. Un monte no que actuamente hai planificados tres proxectos eólicos. O de San Martiño, xestionado por Iberdrola, e os de Mistral e Tramontana, pertencentes á empresa Four Winds Investco, financiada con fondos de capital risco. Os dous últimos aparecen no rexistro eólico galego e o proxecto para a súa liña de evacuación é publico. Se se suman os parques activos e proxectados, na zona contabilizaríanse case un cento aeroxeradores e dúas liñas de alta tensión de máis de 30 quilómetros. Malia que o proxecto se localizaría no lado galego, a aldea máis afectada é a de Sendim.

En Sendim, tranquilidade envolve a vila, cuxas casas se espallan por unha unha ladeira case laberíntica para as persoas que descoñezan o lugar. Camiñando por Sendim atopámonos a unha muller que se divirte ollando a través da fiestra, unha rapaza nova conducindo un trator por camiños estreitos e un veciño que decidiu poñerlle unha canción de Nadal ao timbre da porta da súa casa en pleno agosto. Cada vez que soa, a música rompe o silencio.

Ata o pasado mes de setembro, a veciñanza de Sendim descoñecía a existencia destes proxectos eólicos -que se construirían no cumio da vila- a pesar de que a Cámara de Montalegre afirmara ter coñecemento da súa existencia. Daquelas, a información xa se publicara tamén en varios medios de comunicación galegos e na web da Xunta de Galicia.

Trala gravación do documental e a publicación deste artigo no diario Público, os concellos de Baltar e Montalegre organizaron unha reunión informativa á que asistiu o Conselho Diretivo de Baldios de Sendim. Xa daquela, a plataforma STOP Eólicos criticaba o escurantismo sobre estes proxectos e a nula participación veciñal. A Xunta negouse naquel momento a ser entrevistada -tan só deron a opción de enviárllelas preguntas e responder a través do correo electrónico-  e tampouco facilitou información sobre os proxectos por non estar en fase de discusión pública.

Nestes meses saiu a exposición pública o Parque Eólico San Martiño e a súa liña de evacuación ata o parque de Larouco, contra a que se pode alegar  ata o 13 de xaneiro.

 

Un documentario de Ruben Martins, Sofía Caamaño Deus, Elena Martín Lores e Pablo Santiago. “Fin de liña” é un proxecto de Público (Portugal) e Xarda Sociedade Cooperativa Galega

 

Tags: