contacto@xarda.gal

Mulleres deportistas do rural: achegando saúde a todos os recunchos de Galiza

Mulleres deportistas do rural: achegando saúde a todos os recunchos de Galiza

Quen dixo que o rural non fai exercicio? De feito, como di Alicia Fernández Dopazo, unha das fundadoras da asociación Mulleres deportistas do rural, a xente que vive no campo, adoita estar en moita mellor forma que aquela que vive nas urbes. Agora, coa súa asociación, están levando o deporte a zonas “onde non chega tanto”. Para que alí tamén teñan a oportunidade de socializar a golpe de pilates, ioga ou mesmo danza.

 

Quen sodes e a que se dedica a vosa asociación?
Chamámonos Mulleres deportistas do rural. A idea xurdiu para levar o deporte ás zonas onde normalmente non chega. E facéndoo, ademais, con máis horarios e máis opcións de actividades, porque no rural adoitan ofrecerse sempre as mesmas. Esa era un pouco a idea inicial para constituírnos.

Canto tempo levas sendo monitora?
Eu agora fago ioga e pilates, sobre todo. Pero fixen máis cousas: fun entrenadora persoal e fixen ximnasia para maiores. Levo como cinco anos dedicándome a isto, e traballei moito no rural. E teño que dicir que precisamente aí é onde máis disfruto do meu traballo.

 

Que é o que fai que che guste máis?
Eu agora ademais da asociación, traballo nunha clínica de fisioterapia dando clases, onde estou moi contenta tamén. Pero teño que dicir que o achegamento ao rural é diferente. Principalmente, porque nas clases formas como máis unión. Hai xente coa que levo traballando desde o principio e podo dicir que xa son como da miña familia. Son persoas coas que teño plena confianza. Cóntanme a súa vida e eu fálolles da miña. Son como amigas e amigos de sempre. E esa conexión non a adoitas ter na cidade. Por suposto, hai de todo —xente coa que conectas máis e menos—, mais non hai ese trato que hai no rural.

Algún exemplo en particular?
Pois por exemplo, nas zonas rurais as alumnas moitas veces teñen detalles comigo. Tenme pasado de ir a clase e que alguén me traia unha bolsa de grelos, ou de kiwis… e esas cousas penso que só se conseguen no rural.

Por que cres que hai menos ximnasios fóra das cidades?
Penso que nos últimos anos a labor que fan os concellos con respecto a isto mellorou bastante, e moitos intentan achegarse ao rural con actividades. Agora está complicado outra vez polo tema da Covid, pero está difícil para todo o mundo. Con todo, creo que o maior problema que teñen no rural está relacionado cos horarios: a xente que vive nestas zonas e traballa no campo só ten unhas horas moi concretas, porque ao mellor ten que estar pendente das fincas, facer as labores da casa… A min pasábame por exemplo que me dicían —na primavera ou achegándose ao verán— que tiñan que cambiar a clase para máis tarde pola mañá, ou á primeira hora da tarde, porque despois tiñan que ir facer as labores do campo. Por exemplo, en setembro se tiñan que ir recoller a uva. E claro, esas cuestións non as contempla tanto o concello á hora de marcar actividades.

E as vosas alumnas son maiormente mulleres maiores?
Hai de todo! Agora ultimamente achégase tamén xente nova. Si que ao principio, cando eu iniciei, traballaba máis con xente maior, mais agora hai de todo. Eu creo que a xente é cada vez máis consciente de que o deporte e saúde e ten que practicar. E tamén, agora cada vez máis, a xente do rural practica deporte. E teño por seguro que a xente que non vive nas cidades está en mellor forma física, en parte porque os traballos que esixe o campo, aínda que sexa só limpar o xardín, implican exercicio día a día.

Por que vos chamades mulleres do rural?
Temos varios motivos para chamarnos así. En primeiro lugar porque cremos que en Galiza en xeral, pero concretamente no rural galego, case todo o mundo ten a típica avoa que levaba a casa, a finca e todo o habido e por haber na familia. A matriarca. Entón é un pouco para honrar esas mulleres que nos criaron, que levaban todo o peso das labores sen apenas recoñecemento. E, en segundo lugar, despois de moverme moito no rural fíxenme consciente de que o 93% das persoas que asisten ás clases de ximnasia alí son mulleres. Por iso chamámonos así. Con todo, isto non quere dicir que non aceptemos homes. Non queremos que ninguén se sinta excluído, e agora que estamos traballando en redes intentamos deixar claro que calquera persoa é benvida. Crianzas, adultos, xente máis maior… Toda aquela persoa que queira facer exercicio.

Pensas que axudades ás mulleres a socializar coas vosas clases, xa que tradicionalmente elas teñen menos lugares de ocio no campo?
Si, claro. Desde logo. Teño ido a lugares onde a xente se coñece de sempre, mais non interactúa moito. Antes, por exemplo, a xente sociabilizaba na misa, pero agora non vai tanto. Isto fai que, no día a día, realmente non se vexan moi a miúdo. Mesmo hai xente que vive soa. Por iso, as actividades son para elas o momento no que poden falar con outras persoas. E, de feito, en relación co que falabamos antes, nas cidades non se estimula tanto que as persoas falen entre ela cando van ao ximnasio, por exemplo. En cambio, no rural si. No rural están a facer exercicio e, ao mesmo tempo, están un pouco de ‘palique’.

Teño que dicir que me encanta o voso proxecto. Hai algo máis que queiras engadir?
Si. Nós de cara ao proxecto estamos empezando. Neste momento hai a opción de clases online todas as semanas —por culpa da pandemia— mais xa temos en proxecto dar clases en varias aldeas en canto se poida. Por outro lado, nós queremos achegar actividades novas, que non se ven tanto no rural, e estamos planificado varios talleres de actividades distintas. Por exemplo, estamos falando cunha rapaza que se ofreceu para dar clases de danza oriental. Pensamos en achegar tamén o tema do Taichi… Isto é, cousas un pouco máis orixinais e diferentes.

A ver se a as cousas melloran e pódense facer pronto clases presenciais de novo. Moitas grazas!