contacto@xarda.gal

Arinomoude

Unha peza documental ao redor do vínculo entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, en Xapón.

Dúas terras situadas nas antípodas do mundo mais con moitas cousas en común, esa é a premisa que guía esta peza documental feita entre Xapón e Galiza na que se presentan a historia e realidades dos dous camiños irmandados desde 1998: o de Santiago e o de Kumano, na península de Kii, en Xapón.

Os puntos en común das rutas son diversos: desde a propia orixe ata os problemas actuais, como o despoboamento do rural das zonas por onde pasan ou os perigos dunha explotación turística irresponsable. Tamén o feito de seren as dúas únicas rutas de peregrinaxe que son Patrimonio da Humanidade.

O audiovisual salta visualmente entre unha e outra ruta, de xeito que vemos as súas similitudes e diferencias. Ao tempo, somos testemuñas do xeito en que diferentes persoas viven e senten as peregrinacións: xa sexa para desconectar e vivir a tranquilidade do camiño; desde o punto de vista relixioso —afóndase nas características propias da relixión xaponesa como o Shinbutsu Shugo, o sincretismo entre xintoísmo e budismo—; ou mesmo desde o ámbito do turismo, que as entrevistadas entenden que debe ser sostible e velar polas persoas que viven nas zonas polas que pasan estas rutas históricas.

1 / 5
ARINOMOUDE PRENSA (3)
2 / 5
ARINOMOUDE PRENSA (6)
3 / 5
4 / 5
5 / 5
ARINOMOUDE PRENSA (2)

QUEN PARTICIPA NO DOCUMENTAL?

Entre as persoas entrevistadas están Itsuko Hori, profesional do turismo afincada en Compostela:

“Eu ía de pequena a Kumano e nunca escoitara falar do Kumano Kodo. Era un camiño cotiá que usaba a xente para ir a casa, non tanto de peregrinación. A xente dicía que antes de ser Patrimonio da Humanidade tiña que ser un patrimonio local.”

Tamén o historiador e xornalista Antón Pombo, que malia que sinala moitas melloras no Camiño nos últimos anos, advirte de que se está a perder o sentido tradicional da peregrinación:

“Existe o risco de que se convirta nun obxecto de consumo, nun obxecto de selfie (…) Son as consecuencias desta explotación con pouca perspectiva de futuro”.

A verdadeira historia da peregrinación de Kumano é contada desde Xapón, con entrevistas a Yamanishi Takeharu, do Centro de Patrimonio da prefectura de Wakayama; Ryoei Takagi, subsacerdote do templo budista de Seigantoji e responsables turísticos como Flavia Ramil de Turismo de Santiago, César Rúa da Oficina do Peregrino e Masanori Okawa do Tourism Bureau de Tanabe (Xapón).

O documental foi realizado e producido pola cooperativa Xarda Sociedade Cooperativa Galega ao abeiro do Fondo X21 da Secretaría de Política Lingüística. O equipo técnico estivo formado por Elena Martín, Pablo Santiago, Kae Fujita, Yayoi Ogawa e Mika Nagao.