As mulleres do rural, o rural das mulleres
Falamos con mulleres de diferentes sectores e idades, que nos contan experiencias, dificultades e loitas que enfrontan no seu día a día.
Tan só son as catro da tarde e Sonia López xa mudou as vacas de sitio, cambioulles os comedeiros, botoulles herba seca, atendeu a unha vaca que estaba de parto, volveu á casa, axudoulle a súa nai a facer a comida, cambiou as camas, fregou os pratos, foi buscar ao seu fillo á parada do autobús e agora estalle dando de comer aos xatos. Sonia comezou a traballar aos poucos na explotación gandeira familiar fai 25 anos, dos que tan só cotizou os últimos dous. Ela, como moitas outras mulleres, continúa abrindo camiño no rural.
Cando Carmen Isabel Labrador volveu ao seu Buño natal despois de estudar taquigrafía na Coruña e dixo que quería ser oleira, ninguén lle ensinou o oficio. Anos despois, conta a súa historia sentada ao pé do torno, no seu taller. “O primeiro que pensei cando cheguei á casa e dixen que quería ser oleira foi que non me ían tomar en serio, pero meus pais dixéronme que fixera como me parecera”, conta Carmen Isabel. A súa familia non é de tradición oleira. En Buño, o común era que se ensinara o oficio de pais a fillos. Aínda que as mulleres si realizaban tarefas relacionadas co barro, estaba mal visto que accederan ao torno. “Eu nunca entendín o porqué. As mulleres facían de todo, incluso traballos máis duros, como o de ir á barreira –lugar no que se recolle o barro para despois traballalo- amasar o barro, pintar as pezas e, por suposto, todo o relacionado co fogar e cos animais”, explica Carmen Isabel.
Ela non ten “oficio de oleira”. Non coloca as mans do mesmo xeito que o resto e non sabe facer pezas co acabado tradicional de Buño porque ninguén lle ensinou. “Era como se roubara todo o que ía facendo e aprendendo”, asegura. Cando decidiu iniciarse neste oficio, o primeiro que tivo que facer foi descubrir onde se collía o barro: “unha amiga e máis eu seguiamos aos oleiros ata o lugar onde recollían o barro, escondiámonos alí e, cando eles marchaban, iamos nós”. Unha vez, conta, pediulle a un oleiro do lugar que lle apañara un tractor de barro, como aos demais. El respondeulle que para que quería ela tanto barro, que ben lle chegaba algo menos. “Eran desprezos tontos, pero canta máis tontería tiñan eles, máis ganas de facer me entraban a min”, asegura. No 1979 expuxo as súas pezas na primeira Mostra de Olería de Buño: “a xente sentía curiosidade polo meu traballo e, un día, unha señora que tiña unha tenda aquí cerca díxome que ela me compraba as cousiñas que fora facendo”. Carmen Isabel foi a primeira muller oleira de Buño. A seguinte, Lola de Falla, aínda tardou dez anos máis en sumarse ao oficio. Na actualidade quedan tres mulleres en Buño que van ao torno; unha está xubilada e Carmen Isabel ten pensado retirarse tamén en agosto deste ano.
“Non é raro recibir mensaxes de persoas que aínda pensan que non somos capaces de facer este traballo igual que os homes”
A diferenza entre o número de mulleres e homes que traballan no sector forestal tamén é notable. Así o conta Laura Vallejo, lucense de 26 anos que , despois de traballar catro anos como cociñeira e camareira, dou o salto ao sector forestal. O que máis lle gusta a Laura é traballar coa motoserra. “Todo empezou cando o meu mozo comprou unha máquina forestal. Entón comecei a axudarlle e funme introducindo máis no sector á vez que colaboraba coas labores da casa, coas vacas, a recollida de herba, etc”, explica Laura. Cando iniciou a súa andaina no rural, decidiu publicar, sen ningún tipo de pretensións, as fotografías que ía sacando no seu día a día en redes sociais. Hoxe en día ten máis de 16.000 seguidores en Instagram. “A xente empezou a compartir o que publicaba e a apreciar o meu traballo. Tamén me gusta destacar que a visibilidade das miñas redes non e só para valorar ao que fago eu, senón tamén dar a coñecer o esforzo dos meus compañeiros e o nivel de esixencia e técnica que precisamos. Eu creo que esa e a parte máis bonita, poñer en valor o traballo no monte e no rural”, conta Laura. A pesar de que os seus compañeiros sempre a axudaron en todo o posible, Laura explica que “non é raro recibir mensaxes de persoas que aínda pensan que non somos capaces de facer este traballo igual que os homes”.
Ver esta publicación en Instagram
Para María Ferreiro, gandeira e responsable da Secretaría da Muller do Sindicato Labrego Galego, cando unha muller decide traballar no mundo rural aparecen dous tipos de cuestionamentos. O primeiro está ligado á óptica da cidade: “desvalorízase o traballar a terra”. O segundo, a unha cuestión de xénero: “para as mulleres, a pregunta sempre é se seremos quen de facer este traballo nós soas. O da maquinaria e o gando maior aínda son sectores bastante masculinizados”. Por outra banda, Verónica Marcos, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), explica que un dos grandes avances que se conseguiu no relativo á igualdade no rural é que, a día de hoxe, se recoñece máis o traballo das mulleres porque cada vez son máis as que cotizan na seguridade social. “Se non apareces nas estatísticas, non existes e, antigamente, as mulleres acostumaban cotizar só os últimos 15 anos para poder cobrar unha pensión de xubilación, hoxe incorpóranse antes”, explica Verónica Marcos.
“Nove anos despois da entrada en vigor da lei, existen en Galiza só 18 altas no réxime de titularidade compartida”
Sonia López levaba 25 anos traballando nunha explotación gandeira que estaba, primeiro, a nome dos seus pais e despois do seu marido. Antes de cumprir os 40 decidiu que era o momento de sumarse á titularidade compartida. A titularidade compartida supón que a administración, representación e titularidade da explotación pasa a ser das dúas parte; o reparto dos rendementos é do 50% e ambas pasan a ser beneficiarias directas das axudas e subvencións. “Cando se aprobou a lei da titularidade compartida en 2011 para nós foi un momento de moita ledicia porque levabamos anos reclamándoa. A lei cifraba que a nivel estatal podería haber ao redor de 300.000 mulleres que se sumaran á titularidade compartida e, a nivel galego, 35.000”, explica María Ferreiro. A día de hoxe, nove anos despois da entrada en vigor da lei, existen en Galiza só 18 altas no réxime de titularidade compartida. Segundo María, aos poucos de que se aprobara a lei comezaron a percibir que algunhas compañeiras que daban o paso se atopaban con “grandes atrancos” tanto por parte de Facenda como das Oficinas Agrarias Comarcais: “as veces, o que acontecía dende a administración era puro descoñecemento. Tamén sabemos de casos que tiveron problemas con entidades bancarias por mor do CIF e, por outra banda, as inscricións precisan da sinatura – non lle quero chamar autorización, pero é como se o fora- da outra parte para poder inscribirte”. Se unha muller que non consta en ningún tipo de rexistro se separa ou enviuva, queda totalmente desprotexida. “As veces vemos expedientes dramáticos nos que hai un falecemento do cónxuxe e a muller non é herdeira de nada. Hai moitas mulleres que están invisibilizadas, que non constan. Estamos traballando o mesmo número de horas e, como mínimo, deberíamos ter recoñecidos os nosos dereitos coa produción”, explica María.
O traballo do campo é duro. “Aquí trabállase tódolos días. As veces temos que quedar espertos toda a noite pendentes do parto dunha vaca e despois pola mañá comezar igualmente a xornada laboral”, conta Sonia López. Á xornada laboral fóra da casa hai que engadirlle, no caso das mulleres, as tarefas relacionadas cos coidados. “Nós sempre dicimos que o rol que se nos asigna ás mulleres non está tan diferenciado no rural e no urbano. O que pasa nas casas labregas é que a nosa actividade está, na maioría das ocasións, no mesmo lugar no que está a casa, a nosa vida”, explica María Ferreiro. Para María, un dos grandes avances en materia de feminismo dos últimos tempos é que esta cuestión está agora enriba da mesa: “que pasa con todas as horas e os minutos que as mulleres dedicamos aos coidados e ao consumo? Nós como labregas, como produtoras, reivindicamos a alimentación como un dereito básico. É moi importante falar do que chega aos nosos pratos, de onde mercamos, de que comemos, e despois de toda a parte de coidados da alimentación. Quen fai de comer?”.
A plataforma Galegas 8M céntrase este ano na importancia dos coidados. “Nós tamén colaboramos porque pensamos que é importante que as mulleres rurais esteamos representadas no movemento feminista e o tema dos coidados, este ano, está máis latente ca nunca”, explica María Ferreiro. Verónica Marcos salienta que existe máis éxodo rural de mulleres ca de homes: “ao final, nas vilas nas que non hai mulleres tampouco hai nenos e nenas e, polo tanto, non hai futuro”. Sen mulleres non hai rural e sen coidados non hai vida.
Unha colaboración de Sofía Caamaño e Xarda.